Wednesday 26 de June de 2024

O Concello de Fene entregou os premios o seu XIV Concurso de Tapas


O “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama impúxose tanto na votación popular como na do xurado na categoría de Tapa Creativa.

O Son da Cociña coa súa proposta “O Sol da Cociña” conquistou ao xurado na categoría de Tapa Tradicional, mentres que a votación popular escolleu os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay.

Recolléronse un total de 3.348 tarxetas, e 187 persoas conseguiron completar o pasaporte Fenerruta, que acredita ter probado todas as tapas a concurso.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, presidiu esta mañá o acto de entrega de premios do XIV Concurso de Tapas. Un certame no que participaron nove establecementos, competindo nas categorías de Tapa Tradicional, Tapa Creativa, Tapa Popular Tradicional e Tapa Popular Creativa.

Tras a celebración deste evento, que permitiu probar as elaboracións culinarias coas que os locais de Fene sorprenderon á súa clientela, recolléronse 3.348 tarxetas. Ademais, 187 persoas conseguiron completar o percorrido, probando as nove tapas a concurso durante as dúas fins de semana que durou o mesmo.

Cos seus votos, as participantes no certame determinaron que o premio á Tapa Popular Tradicional fose para os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay, co “Montadiño ao Tío Pepe” do CCDR de Perlío como subcampioa da categoría. En canto á Tapa Popular Creativa, impúxose o “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa proposta “Ruliña!” da Cafetería Lembranza no segundo posto.

O xurado profesional (composto por unha persoa en representación do Concello de Fene, outra da Asociación de Empresarios de Hostalería Ferrol e Comarcas e unha terceira do Departamento de Hostalería e Turismo do IES Fraga do Eume) coincidiu en outorgar o primeiro premio da categoría Tapa Creativa ao “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa “Delicia Cubana “do Galicuba no segundo posto. En canto á Tapa Tradicional, o xurado de expertas escolleu como campioa a proposta “O Sol da Cociña” do establecemento “O Son da Cociña”, e como subcampioa os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay.

Durante o acto de entrega de premios, a concelleira Ángeles Coira destacou “o bo facer da hostalería fenesa para conseguir sorprender un ano máis con propostas innovadoras e saborosas”, e puxo en valor o traballo dun xurado “ao que non llo puxeron doado”.

Coira puxo o foco tamén “na gran acollida desta nova edición que xa está consolidade”, e agradeceu aos establecementos participantes “a súa disposición e compromiso para construír unha oferta hostaleira de calidade”.

A concelleira de promoción económica e turismo, xunto con outros membros da corporación local, fixeron entrega dos diplomas que acreditan a súa participación a todos os establecementos, e dos trofeos e premios aos gañadores nas diferentes categorías, cortesía de Organiza Viajes, Arlo Viajes e Establecementos Aguilar.

No mesmo acto tamén se procedeu ao sorteo dos agasallos entre a clientela participante, que inclúen unha viaxe para dúas persoas (a Milán, Sevilla, Alacante, Gran Canaria ou Valencia), cortesía de Estrella Galicia; unha limpeza da tapicería dun turismo, cortesía de Ecolimpauto; e diversos obsequios patrocinados por Electroagro Fene, Bodegas Barral, Escola Bellón-Maceiras e a Imprenta San Esteban.

Tapas a concurso

Na categoría de Tapa Tradicional participaron tres establecementos, O Son de Cociña coa súa proposta “O sol da cociña”, a Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco” e o CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”.

Competindo na categoría de Tapa Creativa estiveron Arrecendo, con “Arrecendo a mar”; Bar A Ponte con “Tres continentes”; Galicuba coa “Delicia cubana”; Cafetería Lembranza con “Ruliña!”, o CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro” e o Pachamama co “Tartar de Langostinos”.

Deja un comentario